Sunday 12 de May de 2024

O Fórum Metropolitano proxecta dous novos ciclos de cinema que conectan a sétima arte coa danza e a literatura


A sala Fernando Rey acolle, entre o xoves e o sábado, catro proxeccións dun clásico do cine indio, ‘Charulata’, baseado nun relato de Rabindranath Tagore ambientado a finais do século XIX

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), impulsa durante este mes de marzo dous novos ciclos de cinema no Fórum Metropolitano, que conectará a sétima arte coa danza e a literatura.

A sala Marilyn Monroe acolle, entre este xoves 31 de marzo e o sábado 2 de abril, a primeira quenda de proxeccións do II Ciclo de Cinema e Danza, que comezará co documental israelí ‘Mr. Gaga’ (2015). Dirixida por Tomer Heymann e nominada no ano 2016 aos Premios do Cine Europeo na categoría de mellor documental, a peza achega unha experiencia autobiográfica do propio Heymann. Xunto ao seu irmán Barak, o cineasta embarcouse nunha interesante odisea: durante sete anos, filmou o día a día dun dos coreográfos máis peculiares dos últimos tempos, Ohad Naharin, da Batsheva Dance Company.

O documental, de 100 minutos de duración, está dirixido a todo tipo de públicos. As sesións previstas no Fórum Metropolitano terán lugar entre o xoves 31 de marzo (20.00 horas), venres 1 de abril (20.00 horas) e sábado 2 de abril (17.30 e 20.00 horas).

A India dos anos de colonización inglesa, na sala Fernando Rey
Tamén esta semana, a sala Fernando Rey abre as súas portas ao comezo do ciclo Cinema e Literatura. Un clásico do cine indio, ‘Charulata’ (1964), será a primeira das longametraxes previstas este mes no contexto do ciclo.

O cineasta Satyajit Ray, que gañou un Oso de Prata no Festival de Berlín do ano 1965 tras dirixir esta peza, aborda a historia de Charu, unha muller da alta sociedade bengalí que leva unha vida ociosa. Charu está casada con Bhupati, herdeiro dunha fortuna que usa o seu diñeiro para publicar un xornal de corte político, sentíndose orgulloso de non deixarse arrastrar pola comodidade e a desidia.

A longametraxe, baseada nun relato de Rabindranath Tagore ambientado a finais do século XIX, cando a India aínda era unha colonia inglesa, está dirixida a todo tipo de públicos. As sesións previstas no Fórum Metropolitano terán lugar entre o xoves 31 de marzo (20.00 horas), venres 1 de abril (20.00 horas) e sábado 2 de abril (17.30 e 20.00 horas).

Xa á venda as entradas para as primeiras sesións dos dous ciclos
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na Praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.

Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros